Sunday 05 de May de 2024

Cultura e Educación recoñecerá o esforzo e superación persoal de 20 estudantes de ESO


A Consellería acaba de publicar a convocatoria dos galardóns correspondentes ao curso 2015/2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a convocatoria dos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2015/16, cos que se recoñece o labor diario de 20 estudantes que conseguiron superar as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar ou sociocultural, no marco dun ensino comprensivo e integrado. Os galardoados son estudantes propostos polos centros que durante o pasado ano académico cursaron 4º de ESO no réxime ordinario en calquera dos centros educativos galegos.

O obxectivo destes galardóns é poñer en valor o especial esforzo que realiza no eido educativo o alumnado que procede de contornos socioculturais desfavorecidos ou de contornos familiares disfuncionais que supoñan desvantaxe manifesta cara conseguir rematar os seus estudos ou en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal e a súa inserción social. Deste xeito, búscase dar relevancia a estes estudantes, que poden ser exemplo para outros en situacións similares.

Os requisitos da convocatoria poden consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160819/AnuncioG0164-080816-0002_gl.html .